domingo, 7 de marzo de 2010

TUTE. "Mandar a Noia".

Cando se termina unha partida, nótase moi ben que xogadores son os derrotados, primeiro pola cara que lles queda, e segundo porque deben arrimar a barriga ao mostrador. De por si é bastante probable que os perdedores teñan que aturar unhas poucas bromas; porén se a parella derrotada deixa o seu marcador en cero, a festa aumenta. Os rivais e tamén os miróns, que ademais de para dar tabaco están autorizados para este tipo de cousas, fártanse de rir e de amolar.

Está moi espallado utilizar neste último caso, cando os perdedores non conseguen gañar en ningún xogo, a frase: "Mandáronos a Noia".
Teño escoitado diferentes versións do motivo polo que se aplica este dito, máis ningunha me pareceu convincente. Fóra da nosa comunidade é común dicir: "Fixémolos zapateiros", e penso que por aí vai a cousa xa que esta histórica vila coruñesa é popularmente coñecida como a terra dos zapateiros. De sobra é sabido que o termo despectivo "paduán" empregouse a miúdo para definir ás persoas procedentes das aldeas remotas, carentes de malicia e habilidade, que a máis de exhibir uns modais pouco refinados, tiñan o costume de calzar zocos. A célebre expresión pois, convértese nunha indirecta: mandan aos perdedores á terra dos zapateiros para que merquen uns zocos, que sería o mesmo que chamarlles paduáns.
Pode que vostede tampouco concorde comigo, pero o que si está fóra de toda dúbida é a gran popularidade do xogo así como a celebridade da frase. Por isto, e como noiés que son, quero propoñer unha idea que xa sei que a moitos lle parecerá unha excentricidade, pero velaí vai: Por que non levantar en Noia un monumento alusivo diante do cal os perdedores poidan tirar unha foto?
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Solución do Problema Nº1 (28/02/2010)
Saíndo co dous de ouros e logo fallando na seguinte baza en Norte co catro de espadas pódense facer 24 tantos. Se vostede pensou así, está totalmente equivocado. Pense ben e mire a maneira de facer máis, que aínda que pareza imposible, si que se pode. A confirmación queda para a vindeira semana.

No hay comentarios: