viernes, 24 de diciembre de 2010

DAMAS. Bloqueo [II]

XOGAN AS BRANCAS E GAÑAN
As negras semellan estar nunha situación confortable. Mais a vantaxe da vez permite ao seu rival executar unha agochada combinación que lle vale para bloquear o xogo e conseguir así a vitoria. Como é que deben seguir as brancas para poderen anotar o punto completo.
* * *
SOLUCIÓN DA PROPOSTA DO DÍA 21/12/2010
«Sorpresa inesperada»
1.17-21 e agora se:
• 1. ... 26x17; 2.19x26 G.B. facilmente.
• 1. ... 25x18; 2.10-13, 22x15; 3.13x29 G.B.
• 1. ... 22x15; 2.21x30, 15-12; 3.03-07!, 12x03; 4.30-17, 03x13; 5.17x32 G.B.

miércoles, 22 de diciembre de 2010

TUTE. Golpe de Viena

SAE SUR. TRUNFA EN COPAS.

A parella formada por Norte e Sur sabe que os contrarios levan contabilizados 55 tantos (non houbo cantes).

O desenvolvemento do xogo previo foi o seguinte: Oeste gaña a primeira baza co ás de espadas. Volve de sete. Sur sobe co cabalo. Leste mete o tres e Norte ten que entregar o rei, polo que todos intúen que non leva máis.
Na terceira baza, Leste sae arrastrando co ás e vese obrigado a continuar con outro arrastre, esta vez de tres. O seu compañeiro xa non ten máis trunfos e carga o rei de ouros co que indica que non leva nin cabalo nin tres. Sur asiste de sota.
Como segue sen saír parte das corenta, Leste arrastra co único trunfo que lle queda e Norte gaña de rei. Oeste e Sur descartan cadanseu ouro pequeno.
A sexta baza permite a Sur dar unha importante información. O seu compañeiro inicia a volta co cabalo de bastos e Sur entra de tres sinalizando que leva o ás. Así chegamos á posición que amosa o diagrama.

Como deben xogar Norte e Sur para gañar o xogo?

A solución pasa por aplicar o que se coñece como "Golpe de Viena": Sur bota o ás de ouros e Norte conserva o cabalo para ameazar o tres que pensa pode estar en Leste. Con esta idea comeza a execución deste célebre golpe, afirmando unha carta nun contrario pero ameazada por outra no noso poder.
Polos datos que manexa, o xogador que ten a man sabe que xogando espadas vai fallar o seu compañeiro e moi probablemente aperte a Leste.
Efectivamente, así o fai. A saída de espadas compromete a Leste. Se bota un basto deixa firmes os dous de Sur, e se descarta o tres de ouros afirma o cabalo de Norte.
A parella Norte-Sur gaña tamén estas dúas bazas finais e con elas o xogo. Todo grazas a que Norte conservou o cabalo de ouros sen arriscar nada, xa que se os contrarios gañaban unha baza tamén gañaban o xogo sen que influíran eses tres tantos para nada.

[Este exemplo foi extraído do meu libro "O Tute. Diversión arredor dun tapete"].

martes, 21 de diciembre de 2010

DAMAS. Sorpresa inesperada

MOVEN AS BRANCAS E GAÑAN

As negras soñaban con ter un futuro feliz despois de gañar o indefenso peón de «19». Non obstante, tras a resposta das brancas, axiña se decataron da crúa realidade. Será vostede, espelido lector, capaz de amosar o fino lance que fixo engurrar o cello do opoñente negro?

* * *
SOLUCIÓN DA ANTERIOR PROPOSTA (14-12-2010)
«Ao abrigo da lei»

1. ... 31-28!; 2.21-26, 29x22; 3.25-29, 15-11; 4.29x31, 11x04 [EMP].

viernes, 17 de diciembre de 2010

Feliz Nadal

"Taboleiro e Tapete"

deséxavos

Feliz Nadal e próspero 2011

martes, 14 de diciembre de 2010

DAMAS. "Ao abrigo da lei"

XOGAN AS NEGRAS E EMPATAN

Debido á ameaza 21-26, a posición das negras semella insostible. Non obstante existe unha curiosa idea baseada nunha das obrigacións do regulamento que permite salvar o xogo. Cal será esta idea? Como é que deben xogar as negras para conseguir o empate?
***
SOLUCIÓN DA PROPOSTA ANTERIOR (6-12-2010)
"Gañar un tempo [II]"
1.02-05, 09x02; 2.17-21, 02x20; 3.21x30 ... [A obrigatoriedade de capturar concede o tempo] 3. ... 22x15; 4.30x25 [G.B.]. Agora con 5.04-08 queda o paso cortado.

lunes, 6 de diciembre de 2010

DAMAS. Gañar un tempo [II]

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

As brancas a pesar de contar cunha peza menos dispoñen dunha clara superioridade posicional. Nada conseguen se intentan levar directamente o peón de "19" a dama, pero existe unha forma moito máis sutil de impoñer a súa vantaxe. Será quen o amigo lector de atopar a continuación que leva á vitoria?

***

SOLUCIÓN DA PROPOSTA ANTERIOR (30-11-2010)
"Rompendo o saque"
1. ... 29-25; 2.06-11 ... [Tampouco vale 2.14-11 -con idea de aplicar o gancho se as negras avanzan o peón- porque con 2. ... 25-29; obrígase a repetir posición] 2. ... 25-21!; 3.14x25, 09-05; 4.25-14, 05-02; e cae o peón. EMP.

martes, 30 de noviembre de 2010

DAMAS. Rompendo o "saque"

XOGAN AS NEGRAS E EMPATAN
Posición correspondente ao denominado "saque de peón", un dos finais que máis crebamentos de cabeza ten dado aos damistas. Neste caso as brancas acaban xusto de "sacar" o peón sen colocar antes as súas damas nunha situación máis favorable. Pode vostede ver como podería o bando débil aproveitar este tremendo desliz para conseguir o empate?
***
SOLUCIÓN DA PROPOSTA DO MARTES ANTERIOR (23/11/2010)
"Paso cortado"
1.18-21, 26x17; 2.23-27, 31x22; 3.24-28, 03-10; 4.28-31, 22-19; 5.31-22, 19-14; 6.22-18 [EMP].
Nótese que non servía 1.24-28, 31x24; 2.23-27, 03-10! 3.27-31, 10-23 [G.N.]
Nin tampouco 1.18-22, 26x19; 2.23-27, 31x22; 3.24-28, 19-14; 4.28-32 ... [se 4.28-31, 14-10 G.N.] 4. ... 03-10; [G.N.]

martes, 23 de noviembre de 2010

DAMAS. Paso cortado

XOGAN BRANCAS E EMPATAN

Dado que non vale 1.23-28, 03-10; 2.28-32, 10-01 con vitoria negra, as brancas deben buscar outro camiño para atopar o empate. Será quen o lector de indicar a única continuación que permite salvar o xogo?

* * *

SOLUCIÓN DA PROPOSTA ANTERIOR (martes, 16-11-2010)

"Virguería na Ludoteka"

1.19-10!, 13x06; 2.07-03, 04x??; 3.03x?? e mate ao descuberto [G.B.]

martes, 16 de noviembre de 2010

DAMAS. Virguería na Ludoteka

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

Á posición que se amosa no diagrama chegouse o pasado luns nun xogo disputado na Ludoteka [modalidase 1'+5"]. Enfrontabanse Richardo1 vs. Aasman e o condutor das brancas non desaproveitou a ocasión para lucirse empregando unha fermosa manobra da que xa temos tratado neste blog. Será quen o amigo lector de indicar como o Richardo1 rematou este xogo?

***
SOLUCIÓN DA PROPOSTA ANTERIOR (12/11/2010)
"Bloqueo"

1.18-21, 25x18; 2.06-11, 15x13; 3.08x19, 18-14; 4.19x10 [G.B.]

viernes, 12 de noviembre de 2010

DAMAS. Bloqueo

BRANCAS XOGAN E GAÑAN

As negras están ameazando 15-29 ou 09-05 polo que o empate parece inminente. Con todo existe unha fermosa combinación que permite ás brancas gañar o xogo de forma brillante. Pode o amigo lector indicar de que manobra se trata?

***

SOLUCIÓN DA PROPOSTA ANTERIOR

Ataque polas costas (7/11/2010)

1. ... 01-19; 2.22x15, 20x11; 3.12-15, 11-06!; 4.02x11, 09-05; 5.15-19, 05-02!; 6.11-14, 02-05; 7.14-18, 05x23, G.N.

domingo, 7 de noviembre de 2010

DAMAS. Ataque polas costas

XOGAN NEGRAS E GAÑAN

Para buscar a vitoria nesta posición as negras deben crear unha nova debilidade que permita facer efectiva a súa superioridade. As diferentes manobras coas que se consegue impedir unha nova coroación van ser a clave. A solución non é difícil e debe ser de obrigado coñecemento para todos aqueles principiantes que desexen superar o seu nivel.
SOLUCIÓN DA PROPOSTA ANTERIOR
"Mate ao descuberto" [26/10/2010]

1.27-31, 13-09; (Se 1. ... 20-15; 2.31x09, 15-12; 3.09-18, G.B.) 2.03-06!, 09x02; 3.31-28, 02x11 [ou 15]; 4. 28x04 [ou 08] G.B.

martes, 26 de octubre de 2010

DAMAS. Mate ao descuberto.

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

As negras están ameazando con entrar en dama co seu peón máis avanzado. Non vale o cambio 1.05-10, 13x06; 2.03x10 ... porque segue 2. ... 20-15; 3.27-30, 23-20!; 4.30x16, 15-11; e o propio peón branco impide o bloqueo. Porén as brancas dispoñen de máis opcións, grazas á formidable colocación das súas pezas poden sacar da manga un bonito recurso que lles permite facerse coa vitoria. Trátase dunha manobra que se coñece na xerga damista como "mate ao descuberto". Pode o lector indicar de que manobra se trata?

* * *

SOLUCIÓN DA PROPOSTA ANTERIOR

"Esquivando trampas" [19/10/2010]

1. ... 09-05!; 2.02x09, 15-07 [EMP]. As negras van a dama para atacar o peón flutuante forzando, ou ben a súa captura ou ben a ocupación do río.

Nótese que non valía directamente 1. ... 15-07; por 2.02-05!, 09x02; 3.13-03, 02x20; 4.03x30 [G.B.]

martes, 19 de octubre de 2010

DAMAS. "Esquivando trampas".

XOGAN AS NEGRAS E EMPATAN

Nesta posición de final de partida se non existise o peón negro en "24" as brancas podían rematar o xogo co famoso "saque de peón", cuxo estudo -tremendamente complicado- xa temos publicado no blog "TRES E DAMA". Pero na situación que se representa no diagrama de arriba, as negras coroando o seu peón do cadro "12" conseguen igualar con comodidade. Con todo, hai que xogar con coidado, pois primeiro deben salvar un par de trampas que o rival lle ten tendidas.

O reto que propoñemos está en descubrir cales son os perigos que axexan esta posición e en buscar o xeito de esquivalos para poder lograr o empate xogando coas pezas negras.

* * *

SOLUCIÓN DA PROPOSTA ANTERIOR

"A dama poderosa" (11/10/2010)

1.16-20, 23x16; 2.07-11, 16x07; 3.14-19, 22x06; 4.29x04 [G.B.].

lunes, 11 de octubre de 2010

DAMAS. "A dama poderosa"

XOGAN AS BRANCAS E GAÑAN

No xogo angloamericano ou no italiano a dama só se pode desprazar unha casiña para diante ou para atrás. O longo recorrido que pode realizar no xogo das damas clásicas dá lugar a fermosas combinacións como a que hoxe presentamos. Como poden xogar as brancas para aprovitar a forza e poderío da súa coroada peza?
* * *
SOLUCIÓN DA PROPOSTA ANTERIOR
"Posición maldita" [5/10/2010]
1. ... 23-19; 2.07-12, 09-05; [unha xogada que se podía permutar coa anterior] 3.02x09, 19-14; 4.11x18, 20x02; [G.N.]

martes, 5 de octubre de 2010

DAMAS. Posición maldita

XOGAN NEGRAS E GAÑAN
As brancas con ese peón avanzado e a febleza na casiña "3" atópanse nunha situación bastante complicada. Con todo para poder conseguir a vitoria, o bando en vez debe provocar unha nova e definitiva debilidade. Pode vostede prever como deben as negras manobrar para adxudicarse o punto nesta interesante posición?
***
SOLUCIÓN DO PROBLEMA DE CANALEJAS (28/9/2010)
1.19-22, 09x27; 2.01-28, 31x24; 3.08-15, 06x20; 4.16x30 [G.B.]

martes, 28 de septiembre de 2010

DAMAS. Problema de Canalejas

XOGAN AS BRANCAS E GAÑAN

Amosamos hoxe un famoso problema de Juan García Canalejas incluído no seu tratado de 1650 o cal foi reproducido posteriormente en infinidade de libros e revistas. Como nós tamén xa temos presentado neste blog un final de xogo con idéntico tema, supoñemos que o lector non atopara dificultade algunha en solucionar esta inxeniosísima obra prima da composición artística.
***
SOLUCIÓN DO PROBLEMA ANTERIOR
Recurso no final (publicado o 18/9/2010)
1. ... 17-13; 2.09x18, 08-22; formando unha "luneta" que lle permite comer unha das dúas pezas inimigas e acadar o empate.

viernes, 24 de septiembre de 2010

XADREZ. Un cubano ilustre.

Amador Rodríguez - Roberto Páramos
Open de Cambados, 1990
Defensa Siciliana. Variante Paulsen.

1.e4 c5 2.Cf3 e6 3.d4 cxd4 4.Cxd4 a6 5.Bd3 Cf6 6.0–0 Dc7 7.De2 d6 8.Cd2 Cc6 9.Cxc6 bxc6 10.b3 e5 11.Bb2 g6 12.f4 Bg7 13.fxe5 dxe5 14.Ba3 Be6 15.Bc4 Da5 16.Bb2 Td8 17.Tad1 Bg4 18.Cf3 0–0 19.Txd8 Txd8 [ver diagrama].
Naquel verán do ano noventa tivemos a honra de recibir en Galicia a ilustre visita de Amador Rodríguez, un dos grandes mestres máis famosos do momento. Chegados á situación que amosa o diagrama, o xogador cubano aplica unha sinxela combinación coa que cosegue gañar material suficiente para impoñerse no final con relativa comodidade.

XOGAN AS BRANCAS
20.Bxf7+ Rxf7 21.Dc4+ Re8 22.Cxe5 Db6+ 23.Rh1 Dc7 24.Cxg4 Cxg4 25.Dg8+ Rd7 26.Dxg7+ Rc8 27.Dxc7+ Rxc7 28.Bc3 ...
Aquí Páramos, que naquel tempo xa despuntaba como novo valor do xadrez galego, podía abandonar. Con todo o xogo continuou así:
28. ... Rb6 29.Te1 c5 30.Rg1 c4 31.h3 Ch6 32.Rf2 cxb3 33.axb3 Cf7 34.e5 Tc8 35.Ad4+ Rc6 36.c4 Tb8 37.Ta1 Ta8 38.b4 Rb7 39.b5 a5 40.c5 Cg5 41.Re3 Ce6 42.Tf1 Td8 43.c6+ Rc8 44.Bc3 Td5 45.Tf6 Cd8 46.e6 [1-0]

sábado, 18 de septiembre de 2010

DAMAS. Recurso no final

XOGAN AS NEGRAS E EMPATAN

Se conseguen coroar o peón as brancas gañan facilmente. Para isto formaríase un triángulo coas damas en 9, 19 e 25 obrigando a entregar o peón.

Á posición que se amosa no diagrama chegouse despois da errónea 23-27, en lugar de 28-31 ou 28-24 que deixarían vía libre ao peón; xa que non valería a defensa con 08-19 polo sacrificio 09-05 e a volta da dama a 28 coa imparable ameaza 28-32. Mais todo isto son suposicións, as brancas cometeron un desliz e agora xa non poden evitar o empate. Pode indicar vostede a sinxela continuación coa que as negras conseguirían salvar o xogo?

***

SOLUCIÓN DO PROBLEMA ANTERIOR "ATRAPADO [II]" (12/9/2010)

1.14-19, 03-12; 2.11-15, 12-08; 3.17-21, 08-04; 4.15-08!, 04x25; 5.08-04 [G.B.]

domingo, 12 de septiembre de 2010

DAMAS. Atrapado [II].

XOGAN AS BRANCAS E GAÑAN
Para gañar nesta posición as brancas necesitan coroar os dous peóns sen perder o dominio da gran diagonal. A primeira vista parece imposible xa que despois de 1.14-19 segue 03-12; 2.11-15, 12-08; e se agora o peón vai a 21, a dama negra ataca a devandita peza con 08-04 para apoderarse do río unha vez que este peón se poña a salvo. Mais todo isto resulta unha ilusión pois as brancas dispoñen dun coñecido e famoso recurso para impedir este tipo de defensa. Conseguirá vostede, aleuto lector, adiviñar cal é este célebre subterfuxio do que estamos a falar?
***

SOLUCIÓN DO PROBLEMA ANTERIOR (5/9/2010)

1. ... 15-11!; 2.07X14, 26-17; e G.N.

domingo, 5 de septiembre de 2010

DAMAS. Final curioso.

XOGAN AS NEGRAS E GAÑAN


A primeira vista semella imposible que as negras poidan impedir que un dos peóns brancos chegue a dama. Non obstante existe unha curiosa manobra que permite ao bando forte anotar o punto completo. Será quen o lector de desencortinar o enigma?

*********

SOLUCIÓN DO PROBLEMA ANTERIOR (martes, 31/8/2010)
1. ... 24-20; 2.14x21, 20-16; 3.12-15, 16-12; [0-1] O peón vai a dama e as negras gañan fácil.

martes, 31 de agosto de 2010

DAMAS. Abrindo paso.

XOGAN NEGRAS E GAÑAN

Posición tomada dun xogo entre F.A. Ives e John F. Horr pertencente ao 2º Campionato dos EEUU celebrado en Cedar Point (Ohio) no ano 1912. As brancas acaban de cargar sobre un peón inimigo, unha manobra que cómpre avaliar moi ben, pois hai veces nas que este lance resulta demasiado perigoso. Será quen o lector de pescudar como Johnny Horr (Campión americano en 1920) conseguiu explotar esta situación?

SOLUCIÓN DO PROBLEMA ANTERIOR (do martes, 13-7-2010)

1.06-11 ... (A manobra adecuada para provocar o avance do peón e realizar unha "xudía") 14-10; 2.03-06 ... [1-0] As negras abandonaron en vista de que tras 2. ... 10x03; están obrigadas a tomar en "12" coa recentemente estreada dama e quedan totalmente perdidas despois de 3.08x31.

martes, 13 de julio de 2010

DAMAS. Xudía de Henderson.

XOGAN BRANCAS E GAÑAN
Posición correspondente a un xogo disputado entre Hugh Henderson e B. Backus no 2º Campionato dos EEUU que se celebrou en Cedar Point [Ohio] no ano 1912. Pode vostede averiguar como conseguiu a vitoria o que despois chegaría a ser o gran vencedor do torneo?
.................
SOLUCIÓN DO PROBLEMA ANTERIOR
(3/7/2010)
1.02-06, 10X03; 2.09-13, 03X27; 3.13X31 G.B.

sábado, 3 de julio de 2010

DAMAS. A sempre vistosa xudía.

XOGAN BRANCAS E GAÑAN
Lembra o lector o que era unha "xudía"? Analizando unha Partida Clásica recusada cheguei ata esta posición. As brancas aproveitándose da "lei da cantidade" gañan aplicando unha célebre manobra xa explicada neste blog.
..........

Solución do problema da semana pasada

(26-6-2010)

1.17-06, 24x02; 2.01-28, 31x24; 3.29-15, 02x20; 4.16x30 [G.B.]

sábado, 26 de junio de 2010

DAMAS. Remate na Ludoteka


XOGAN AS BRANCAS E GAÑAN

Esta posición fainos lembrar un famoso problema do autor clásico español Juan García Canalejas (1650). Alcanzouse nun xogo entre Ipolar e Albeniz33 disputado "on-line" na Ludoteka o pásado sábado. Que fermosa combinación aplicaron as brancas para conseguir a vitoria sen necesidade de ter que recorrer ao pase do peón "16"?

....................................................

SOLUCIÓN DO "Remate de Cantalapiedra"

(proposto o 19/6/2010)

1.05-10, 14x05; 2.06-11, 26x19; 3.11-15, 20x11; 4.07x32, 16x07; 5.04x11, 05-02; 6.32-01, 02x15; 7.09-13 ... [aplicando unha especie de tiro que se chama "batería"] 7. ... 17x10; 8.01x12 G.B.

sábado, 19 de junio de 2010

DAMAS. Remate de Cantalapiedra

XOGAN BRANCAS E GAÑAN
Víctor Cantalapiedra (Valladolid 1929) saltou á fama nos anos sesenta grazas aos seus repetidos trunfos no prestixioso "Torneo Cleto Domínguez" e, sobre todo, polas extraordinarias colaboracións que facía no "Jornal de Almada". Na sección de damas deste entrañable semanario portugués desempoaba xogos de autores clásicos españois, ata ese momento descoñecidos, e apuntaba atinadas coreccións aos estudos teóricos da literatura damista. Hoxe dedicámoslle o artigo a esta eminente figura e para iso imos relembrar o remate dun dos seus xogos publicado pola desaparecida Revista Internacional de Damas. O evento tivo lugar en Torrevieja (Alacante) durante as vacacións de verán do ano 1993 e, nesta ocasión, o rival de Cantalapiedra era o levantino Antonio Navarro.

A solución amosarémola a próxima semana. Namentres, propoñemos ao amigo lector que intente atopar a sorprendente combinación coa que nos deleitou o máis emblemático xogador español dos últimos tempos?

...................................................................
SOLUCIÓN AO TEST "COMER DE PUNTEIRA" [13/6/2910]
O xogo continuouu así: 9.09-13, 18x09; 10.14-18, 21x14; 11.10x23, G.B.

domingo, 13 de junio de 2010

DAMAS. Comer de punteira

Xa temos visto moitos exemplos neste blog, e xa todos sabemos o que é un "tiro": unha manobra na que se dá un peón a comer para despois aproveitarse da situación e disparar comendo dous ou tres do rival. Hai autores que só lle chaman tiro cando se comen tres e en liña recta. Para nós é sempre un tiro, comendo dous ou tres, e disparando en liña recta, con rebote lateral ou en zig-zag. Mais aquí en España a manobra tamén é coñecida como "comer de punteira" unha denominación acuñada por Luis Soler e Rovira, tal como se pode comprobar lendo o seu libro: "Armas contra la espada y broquel de don Pablo Cecina Rica y Fergel" publicado por primeira vez no ano 1798.

Hoxe imos ver un golpe no que o campión de Lisboa, Nuno Vieira, remata o xogo comendo de punteira.
Brancas: Nuno Vieira. Negras: Khatir.
Xogo disputado on-line na Ludoteka en setembro do ano 2008.
1.10-14, 22-18; 2.05-10, 27-22; 3.12-15, 23-20; 4.07-12, 20-16; 5.03-07, 30-27; 6.01-05, 28-23; 7.15-19, 22x15; 8.12x28, 32x23; [DIAGRAMA]

XOGAN AS BRANCAS E GAÑAN
......................................................................

SOLUCIÓN DO PROBLEMA ANTERIOR PUBLICADO O 5/6/2010

Luís Guerra liquidou o xogo do seguinte xeito: 1. ... 16-12; 2.07X16, 18-14; 3.11X18, 26-22; 4.18X27, 30X07; E GAÑAN NEGRAS.

sábado, 5 de junio de 2010

DAMAS. Tres e a dama.

XOGAN NEGRAS E GAÑAN

Este diagrama representa unha posición que foi alcanzada nun xogo do 9º Campionato de Almada (1989) no que se enfrontaban Eduardo Castelo e José Luis Guerra. As negras gañan aplicando o "tres e a dama", unha das máis famosas manobras que se poden executar no xogo de damas. Preparan o escenario e rematan saltando por riba de tres pezas inimigas. Convén precisar un pequeno matiz, nesta ocasión como a peza que salta queda a un paso da coroación, a manobra chámase de "tres e a dama" e non de "tres e dama", que sería no caso de entrar directamente.

.................................................................

SOLUCIÓN DO PROBLEMA DO 29/5/2010

1.11-14 ... E agora se:

a) 1. ... 18x11; 2.07x32, G.B.

b) 1. ... 19x10; 2.15-19, 22x15; 3.13x31 G.B.

sábado, 29 de mayo de 2010

DAMAS. Pequeno golpe de Buchanan.

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

George Buchanan, un canteiro de Glasgow, empezou a destacar no xogo de damas con apenas 15 anos polo que recibiu o apelativo de "o Neno". Está considerado como un dos mellores xogadores escoceses de todos os tempos e viviu durante a época dourada do damismo no seu país do que chegou a ser campión en tres ocasións. Formou parte do equipo británico que derrotou aos Estados Unidos no 1º Match Internacional de 1905. Desgraciadamente morreu moi novo, con só 34 anos, a causa da tuberculose.
A posición que se reflicte no diagrama pertence a un dos xogos que disputou no Torneo escocés de 1901. As negras eran conducidas por James Moir, un experto de calidade contrastada, que a pesar de todo acaba de cometer o erro de colocar o peón 32 na casa 28 permitindo un pequeno golpe.
Será o amigo lector capaz de descubrir de que xeito George o "Neno" Buchanan castigou a imprecisión do seu rival?
----------------------------------------------------------

SOLUCIÓN DO PROBLEMA DO 22/05/2010

1. ... 22-12; 2.23X10, 12-3; [G.N.] As brancas non poden salvar a dama.

sábado, 22 de mayo de 2010

DAMAS. Carga ruinosa

XOGAN NEGRAS E GAÑAN

Posición correspondente a un xogo no que se enfrontaban Fransise vs. Miloud Douran disputado "on-line" na Ludoteka en 2008. As brancas acaban de cometer un erro fatídico, a carga sobre o peón da casa "14" vai ditar a súa derrota. Como é que aproveitaron as negras esta imprecisión do seu rival?

.....................................................................

Solución do problema anterior publicado o sábado 15-05-2010:

1.10-13 ...

As brancas obrigan a un peón inimigo a entrar en dama

1. ... 17x01; 2.11-14 ...

Agora aproveitan a posición da dama recén creada.

2. ... 01x19; 3.15x29

E sacan un beneficio [G.B.]. Nisto consiste a xudía ou boticaria.

domingo, 16 de mayo de 2010

XADREZ. Roberto Páramos.

Continuamos amosando aos lectores esas partidas que forman parte da historia do xadrez galego e que dificilmente se poderán atopar en ningunha base de datos. Hoxe imos ver como o mestre Roberto Páramos, ao pouco de ter comezado a súa carreira no mundo dos sesenta e catro cadros, se desfai do iugoslavo Ljubisavlievic.


Roberto Páramos vs. Zivojin Ljubisavlievic

Open de Cambados, 1990.

1.e4, d5; 2.ed, Cf6; 3.d4, Cd5; 4.c4, Cb6; 5.Cf3, Bg4; 6.c5, C6d7; 7.Bc4, e6; 8.Db3, Cc6; 9.Bg5, Dc8; 10.Cbd2, Ca5; 11.De3, Cc4; 12.Cc4, Bf3; 13.Df3, h6; 14.Bh4, Be7; 15.Be7, Re7; 16.0-0, Cf6; 17.c6, b6; 18.Da3, Re8; 19.Tad1, Cd5; 20.f4, g6; 21.f5, gf5; 22.Tf5, Dd8; 23.Te5, De7; 24.Df3, Td8; 25.Tde1, Tg8; 26.T5e4, Df6; 27.Df6, Cf6; 28.Th4, h5; 29.Ce5, Cg4; 30.Cd7, Tg5; 31.h3, Ch6; 32.Te5, Cf5; 33.Tf4, h4; 34.d5, Re7; 35.de6, fe6; 36.Tfe4, Tdg8; 37.Te6, Rd8; 38.g4, hg3; 39.Cf6, Cd6; 40.Cg8, Ce4; 41.Ch6, Cd6; 42.Td6, cd6; 43.Cf7, Rc7; 44.Cg5, Rc6; 45.h4, Rd5; 46.h5, Re5; 47.h6, Rf6; 48.h7, Rg7; 49.Rg2, b5; 50.b4 [1:0]


POSICIÓN DESPOIS DE 21. ... gh5;

sábado, 15 de mayo de 2010

DAMAS. A xudía

BRANCAS XOGAN E GAÑAN

A esta posición chegouse no encontro entre Herminio Medalha da Silva e Viegas Nunes do 17º Campionato de Portugal. As brancas gañaron aplicando unha xudía, a manobra máis célebre do xogo de damas. Consiste en forzar a un peón inimigo a entrar en dama para logo capturala sacando á vez algún novo proveito. En España a este golpe táctico chámaselle "chatiña" ou "boticaria", os ingleses e americanos denomínano como manobra "dentro-fóra" ou simplemente como "envío a dama".

A pista é o suficientemente elucidativa como para que o lector non teña que esperar ata a próxima semana para averiguar como se fixo coa victoria o ex-campión portugués.


sábado, 8 de mayo de 2010

DAMAS. Carga fallida.

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

O bando débil tiña depositadas todas as esperanzas de salvación con este cargue de dama sobre o peón da casa "10", máis a realidade é ben distinta. Cunha típica manobra as brancas poden terminar de forma fulminante coa resistencia adversaria. Será quen o amigo lector de dar coa devandita manobra antes de pasar o rato sobre o espazo entre corchetes?
[
1.32-28, 06x13; 2.28-31 G.B. ]

sábado, 1 de mayo de 2010

DAMAS. Había tiro.

NEGRAS XOGAN E GAÑAN

Na posición diagramada as negras xogaron 1. ... 30-26 (?); 2.02-06 (?), 31-28 (?); 3.10-13 (?), 18-14 e acabaron gañando. Pero con 2.12-16 ou aínda 3.12-16 podíase conseguir o empate.

O xogo foi disputado na final do 9º Campionato de Portugal, e por tanto ambos os dous contrincantes eran xogadores experimentados, mais os apuros de tempo foron os culpables de que pasasen por alto en dúas ocasións a continuación gañadora que posteriormente foi publicada polo Dr. OAL no "Xornal de Almada". De que manobra se trata?

SOLUCIÓN

[ 1. ... 23-20; 2.15X24, 18-14; 3.10X19, 25-21; 4.17X26,29X08; G.N. ]

sábado, 24 de abril de 2010

DAMAS. Gañancia de tempo.

BRANCAS XOGAN E GAÑAN

Herminio Medalha da Silva gañou en catro ocasións o campionato portugués. Vitor Cuhna estivo a punto, pero perdeu nun match de desempate. A posición de hoxe pertence a un xogo disputado entre estes dous magníficos xogadores no 20º Campionato do seu país celebrado en Amadora no ano 2000. Medalha gaña un tempo para facer un cargue que o leva á vitoria. Pode vostede deducir como é que rematou este xogo?

SOLUCIÓN
(Arrastrar o rato no espazo entre os corchetes)
[1.10-13, 17x10; 2.04-08, 26x17; 3.08x31, G.B.]

sábado, 17 de abril de 2010

DAMAS. Atrapado.

XOGAN NEGRAS E GAÑAN

Ben é sabido de todos que tres damas contra unha que ten o dominio do río non poden gañar. Con todo, no xogo de damas existen moitas excepcións. Aquí hoxe amosamos unha delas que se presentou nun xogo entre Manuel Custodio e Daniel Machado disputado no 15º Campionato de Portugal, 1995.
O modo en que gañan as negras debe ser coñecido por todo tipo de damistas, pois é unha manobra de uso relativamente frecuente.

SOLUCIÓN
(arrastre o rato entre os corchetes para ver)
[1. ... 16-12; 2.19x08, 21-18; (agora ameazase 18-22) 3.08-04, 29-25 e o resultado é o mesmo; G.N.]

-----------------------------------------------------

SOLUCIÓN DO PROBLEMA DA SEMANA PASADA (10/4/2010)

"Tiro típico"

1. ... 14-11; e agora se:

  • 2.07x14, 23-20; 3.16x23, 28x01; G.N.
  • 2.06x15, 27-20; 3.16x23, 27x04; G.N.

sábado, 10 de abril de 2010

DAMAS. Tiro típico

NEGRAS XOGAN E GAÑAN

Paul Davis, un antigo aspirante ao título mundial na modalidade angloamericana, conseguiu rematar este xogo contra Ed. Bruch de forma fulminante. O enfrontamento tivo lugar no 36º Campionato dos EEUU de 1988 disputado en Danville, VA. O propio Davis conseguiu o título e un premio monetario de 1967 $. Pode o lector albiscar a pequena secuencia de xogadas que lle deu a vitoria ás negras?

--------------------------------------------------------------
Solución do problema anterior (03/04/2010)
"Atracción e tiro"
1.17-21, 25x18; 2.11-14, 18x11; 3.07x32 G.B.

sábado, 3 de abril de 2010

DAMAS. Atracción e tiro

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

As negras veñen de cometer un dos erros máis comúns. Semella imposible pero como non había perigo nin ameaza directa, xogan confiadas 23-19 para ocupar o centro. Unha vez efectuado o lance, o propio xogador case sempre se dá de conta ao instante. E ao instante espero tamén que o lector resolva esta situación que se deu nun xogo do Campionato dos Estados Unidos de 1962 entre Edwin Hunt e M. Apel.

..........................................................

Solución do problema anterior ( 27/3/2010)

"Soporte e cargue"

1.17-21, 26x10; 2.11-14 ... (grazas ao "soporte" creado no cadro 10 as brancas poden facer este "cargue" co peón 11 que vai ir a dama debido á obrigación de captura do rival) 2. ... 18x13; 3.11x32 G.B.

sábado, 27 de marzo de 2010

DAMAS. "Soporte e cargue"

BRANCAS XOGAN E GAÑAN
Posición correspondente ao xogo 31 do match James Wyllie vs. Robert Martins disputado en Glasgow no ano 1864. As brancas puxeron fin a resistencia do rival cunha "manobra de cargue". De que xeito se produciu o fulminante desenlace?
..............................................................................
Solución do problema anterior (20/03/2010)
"Arrinconado"

1.22-26, 20-15; 2.26-29, 15-11; [Se 2. ... 15-12; 3.29-25, 12-07; 4.04x11, 08-04; 5.11-14 G.B.] 3.04-07, 11x04; 4.29-25, 04-14; 5.25x04 G.B.

sábado, 20 de marzo de 2010

DAMAS. "Arrinconado"

BRANCAS XOGAN E GAÑAN

Remate familiar para os afeccionados ao problemismo. Mais tamén ten xurdido na prática maxistral nun xogo entre Manuel Vaz Vieira e Vitor Sequeira do 21º Cto. de Portugal celebrado nas localidades de Chernica da Caparica e Setúbal no ano 2001. O lector non debe ter dificultades para dar coa elemental manobra gañadora.
....................................................................
Solución do problema anterior (13/03/2010)
"Tiro camuflado"
1.15-19, 22x08; 2.11-15, 20x11; 3.07x30, [G.B.]

domingo, 14 de marzo de 2010

TUTE. Cuestión de memoria.

Durante boa parte do século XIX e a primeira metade do seguinte estiveron moi de moda certos espectáculos nos que os mellores acróbatas mentais do momento exhibían as súas portentosas habilidades. Artistas que semellaban ser verdadeiras calculadoras humanas, asombraron en cafeterías e teatros grazas a velocidade coa que realizaban todo tipo de operacións matemáticas. Un dos máis coñecidos foi Leonhard Euler que facía algunhas nas que tiña que memorizar ata medio centenar de cifras. Pero sen dúbida algunha os fitos máis curiosos e célebres foron os que protagonizaba o excelso xadrecista americano Harry Pillsbury (1872-1906) que coa axuda da súa prodixiosa memoria conseguía xogar vinte partidas simultáneas de xadrez e damas á cega. Exhibicións que duraban moitas horas, polo que adoitaba facer pequenos descansos nos que disputaba partidas de whist ao mesmo tempo que memorizaba longas listas de palabras que deseguido recitaba de cabo a rabo.
Igual que neste tipo de demostracións, nos xogos chamados de salón, a memoria constitúe un arma moi poderosa, tendo moita máis importancia se estes xogos son de cartas. Dicía o escritor Edgard A. Poe nun dos seus famosos relatos, “Os crimes da rúa Morgue”, que o posuír unha boa memoria e xogar de acordo co “libro” son, polo común, puntos considerados como a suma total do xogar excelentemente.
Se facemos unha enquisa entre os afeccionados para preguntar pola calidade máis importante que debe acompañar a un bo xogador de tute, sen dúbida algunha, penso que a gran maioría estarían de acordo co escritor americano. O levar o control de todas as cartas parece ser fundamental para poder trazar unha estratexia adecuada.
En efecto, se poñemos unha atención continuada e dispoñemos dunha boa memoria podemos almacenar unha serie de datos relevantes. Se os conseguimos recordar, coa información que nos proporcionan, cando cheguemos ás últimas bazas poderemos rematar o xogo da mellor forma posible porque coñeceremos a distribución das cartas que cada xogador sostén na súa man.
Non todas as mans son iguais, e así algunhas veces o traballo é máis doado, porque necesitamos recoller menos información. Os esforzos inútiles cansan as neuronas, polo que é importante saber que datos debemos observar en cada man.
Se a vostede lle falla a memoria non se preocupe. Iso pásalle a todo o mundo. Ata Euler e Pillsbury, seguro que nalgunha ocasión, esqueceron as chaves da casa. A memoria sempre traballa mellor no campo no que está máis adestrada. Todos os mentalistas dispoñen dalgúns trucos para se axudar.
Se quitamos unha carta da baralla. Dando soamente dúas pasadas rápidas, sería capaz de averiguar que carta falta?
Calquera pode facelo, é moi fácil. Na primeira pasada vaia sumando todos os espazos en branco que teñen as orlas identificativas do lado curto (recorde que os ouros non teñen ningún, as copas teñen un, os bastos dous e as espadas tres). Como en total suman sesenta, a diferenza indicaralle o pau da carta. Na segunda pasada déalle ás cartas do pau escollido o valor que teñen no xogo da escoba, como en total suman cincuenta e cinco, novamente a diferenza descubriralle cal é a carta que falta.
Para o que lle guste o tema, podemos indicar que no libro "O Tute. Diversión arredor dun tapete" pode atopar bastantes trucos deste estilo aplicados á memorización de cartas nas partidas.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Solución do problema Nº1 [28/02/2010].

"O desenlace definitivo"

Ao ter que cartear de xeito inusual, o problema chama poderosamente a atención. A clave está en saír arrastrando co tres, pero Norte ten que asistir co rei.
Despois desta sorprendente manobra, Sur pode aforrar trunfo e cobra a última baza, sumando así 25 tantos.

Sorprendente, non si?


sábado, 13 de marzo de 2010

DAMAS. "Tiro camuflado"

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

As negras acaban de xogar 27-22, un erro de vulto. Como poden as brancas castigar este movemento? A posición está extraída da Enciclopedia de Kear e pertence a un xogo entre H. Jacob e Alan Hynd.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Solución do problema anterior (06/03/2010)

"Tiro angular".

1.24-28, 31x24; 2.10-14, 19x10; 3.06x31 G.B. E máis unha vez un xogo que remata co "tres e dama".

viernes, 12 de marzo de 2010

XADREZ. "lapso na memoria"

BRANCAS XOGAN E GAÑAN

Henrique Guerra vs. Jacobo Caselas
[Liga Galega por equipos (1ª div.); Carballo, 1994]

1.d4, Cf6; 2.Cf3, g6; 3.c4, Bg7; 4.Cc3, O-O; 5.g3, d6; 6.Ag2, c5; 7.O-O, Cc6; 8.d5, Ca5; 9.Cd2, a6; 10.Dc2, Tb8; 11.b3, b5; 12.Ab2, Ah6; 13.f4, bc4; 14.bc4, e5; 15.de6, Ae6; 16.Cd5,Tb2; 17.Db2, Ag7; 18.Da3, Cc4; 19.Cc4, Cd5; 20.Tac1, Cb4; 21.Tfd1, d5; 22.Rh1, dc4; 23.Td8, Td8; 24.Da5, Td2; 25.Dc5, Ca2; 26.Tb1 ...
Ata aquí todo é supercoñecido, pero había máis de dous anos que tiña preparada a variante e non lembraba con detalle. Increiblemente eu xa levaba gastados 90 minutos e Caselas apenas consumira 20. Despois do lapso intermedio, neste momento deime de conta que todo ía segundo o estudado e incluso xa tiña decidido contestar a 26. ... Bb2; con 27.De3, c4; 28.Be4 con idea de f5. A cousa poñíase interesante e ata sentía certa curiosidade por saber que era o que traía na manga o recentemente nomeado "Mestre da Fide".
26. ... h5 (??); [ver diagrama]
Jacobo non quixo amosar. Ou tal vez, el tamén esqueceu a teoría. Non o sei.
27.Tb8, Rh7; 28.Be4, f5; 29.De7, Bd7; 30.Tf8, Be6; 31.Tb8, Bd7; 32.Df7, [1:0]

domingo, 7 de marzo de 2010

TUTE. "Mandar a Noia".

Cando se termina unha partida, nótase moi ben que xogadores son os derrotados, primeiro pola cara que lles queda, e segundo porque deben arrimar a barriga ao mostrador. De por si é bastante probable que os perdedores teñan que aturar unhas poucas bromas; porén se a parella derrotada deixa o seu marcador en cero, a festa aumenta. Os rivais e tamén os miróns, que ademais de para dar tabaco están autorizados para este tipo de cousas, fártanse de rir e de amolar.

Está moi espallado utilizar neste último caso, cando os perdedores non conseguen gañar en ningún xogo, a frase: "Mandáronos a Noia".
Teño escoitado diferentes versións do motivo polo que se aplica este dito, máis ningunha me pareceu convincente. Fóra da nosa comunidade é común dicir: "Fixémolos zapateiros", e penso que por aí vai a cousa xa que esta histórica vila coruñesa é popularmente coñecida como a terra dos zapateiros. De sobra é sabido que o termo despectivo "paduán" empregouse a miúdo para definir ás persoas procedentes das aldeas remotas, carentes de malicia e habilidade, que a máis de exhibir uns modais pouco refinados, tiñan o costume de calzar zocos. A célebre expresión pois, convértese nunha indirecta: mandan aos perdedores á terra dos zapateiros para que merquen uns zocos, que sería o mesmo que chamarlles paduáns.
Pode que vostede tampouco concorde comigo, pero o que si está fóra de toda dúbida é a gran popularidade do xogo así como a celebridade da frase. Por isto, e como noiés que son, quero propoñer unha idea que xa sei que a moitos lle parecerá unha excentricidade, pero velaí vai: Por que non levantar en Noia un monumento alusivo diante do cal os perdedores poidan tirar unha foto?
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Solución do Problema Nº1 (28/02/2010)
Saíndo co dous de ouros e logo fallando na seguinte baza en Norte co catro de espadas pódense facer 24 tantos. Se vostede pensou así, está totalmente equivocado. Pense ben e mire a maneira de facer máis, que aínda que pareza imposible, si que se pode. A confirmación queda para a vindeira semana.

sábado, 6 de marzo de 2010

DAMAS. "Tiro angular"

BRANCAS XOGAN E GAÑAN

Neste xogo entre Richard Hallet e Richard Beckwitch do Cto. dos Estados Unidos celebrado en Las Vegas no ano 2002, as negras vendo que o cambio "2 x 2" con 10-14 non lles prexudica, deciden centralizar un peón na casa "23". A xogada aínda que semella boa estratexicamente vai ser a causante da derrota negra. Como se aproveitaron as brancas deste lapso do actual aspirante ao título mundial de damas angloamericanas en apertura libre?

.....:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::.....

Solución do problema anterior (27/02/2010)

"Tiro ao branco"

1. ... 15-11; 2.07x14, 23-20; 3.16x23 ... [E agora segue un "tres e dama"] 3. ... 28x01; G.N.

viernes, 5 de marzo de 2010

XADREZ."A inmortal de Outerelo"

A partida que hoxe ofrecemos non contribúe con ningunha achega á teoría das aperturas, e pode que nin sequera mereza formar parte das partidas históricas do xadrez galego, porén para min ten algo (non sei exactamente o que) que a fai merecente de, polo menos, ser coñecida por todo aquel que ame este xogo e que despois el a cualifique como máis se lle antolle, aínda que sexa como a "inmortal" e aínda que sexa cun sorriso.

Antonio Acebal vs. Manuel Outerelo

IV Open de Cambados, 1988

1.e4, e5; 2.Cf3, Cf6; 3.Bc4, Cc6; 4.Cg5 ...
4.d4, ed; 5.Cg5, d5; 6.ed, Ce5; 7.O-O ... [7.De2! con lixeira vantaxe branca] 7. ... Cc4; 8.De2, Be7; 9.Dc4, O-O; 10.Dd4, Dd5; 11.Ba3, Bf5 as negras están un pouco mellor. [Vázquez Dorrío vs. M. Outerelo; Cambados, 1988]

4. ... d5; 5.ed, Cd4;
5. ... Ca5; é a continuación típica.
6.c3, b5; 7.Bf1 ...
7.cd, bc; 8.de, Dd5!
7. ... Cd5; 8.Ce4 ...
  • Se 8.Cf7, Rf7; 9.cd, ed; 10.Bb5, De7; 11.De2, De2; 12.Be2, Cb4; con bo xogo negro.
  • Se 8.cd, Dg5; 9.bd5, Rd8; 10.Df3, Bd7; 11.Cc3, ed; con xogo igualado.
8. ... Dh4; 9.Cg3, Bg4; 10.f3, e4; 11.cd ...
Se 11.fg, Bd6, cd; 12.cd, Bg3; 13.hg3, Dg3; 14.Re2, Cf4 mate. Ou se 12.Bb5, Cd5; 13.O-O, Cf6 e as negras están ben.
11. ... Bd6; 12.Bb5 ...
En 1997 Walter Muir introduciu a xogada 12.De2 e posteriores análises parece ser que dan gran vantaxe ao branco. Ver Verizon net.
12. ... Rd8; 13.O-O, ef; 14.Db3 ...

O mellor era 14.Tf3, Tb8; 15.a4! con lixeira vantaxe branca. [Jovchic vs. Koshnitsky; corr. 1969 que se pode ver no Informator 8/215]. A partida que fixo famosa a variante seguiu con 15.Be2, Bf3; 16.Bf3, Dd4; 17.Rh1, Bg3; 18.hg, Tb6; 19.d3, Ce3; 20.Be3, De3; 21.Bg4, h5; 22.Bh3, g5; 23.Cd2, g4; 24.Cc4, Dg3; 25.Cb6, hg; 26.Df3, hg; 27.Dg2, Dg2; 28.Rg2, cb; e as negras acabaron gañando [Yakov Estrin- Hans Berliner; 5º Cto. do mundo por correo, 1965/68]
14. ... fg; 15.Tf2 ...
15.Tf7, Tb8; 16.Dd5, Tb5; con vantaxe negra.
15. ... Tb8; 16.Dd5 ... [Diagrama]

16. ... Tb5; 17.Db5 ...
17.Dg2, Te8; 18.d3, Bh3; 19.Da8, Rd7; 20.Tf7, Be7; 21.De4, Rc8; 22.Cc3 etc.
17. ... Te8; 18.De8!?, Re8; 19.Tg2, Bf3; 20.Cc3, Dd4; 21.Rf1, Bg2; 22.Rg2, Dd3; 23.Cce4, Bg3; 24.Cg3, f5; 25.Rf2, f4; 26.Ce2, g5; 27.a4, Dh3; 28.Ta3, Dh2; 29.Rf3 ... [Diagrama]


29. ... g4; [0-1]

domingo, 28 de febrero de 2010

TUTE. "Problemas para sabidos"

Os problemas a cartas vistas son finais de xogo nos que os naipes dos catro participantes aparecen expostos. Os grandes xogadores, despois de procesar os datos pertinentes, teñen na súa mente a imaxe das cartas finais de todos.
Para representar a situación simbolicamente asígnase ao posto que ocupa cada xogador o nome dun punto cardinal. Así a parella situada en Norte e Sur ten por rivais á que ocupa os postos Leste e Oeste. En todos os casos se indica o trunfo e o xogador que ten a saída, aínda que por convención e para evitar posibles confusións, nos problemas sempre sae o xogador situado en Sur.
O solucionista debe pensar que ocupa o seu lugar e ten que conseguir facer para o bando propio a maior cantidade posible de tantos, contando só os que quedan en xogo e incluíndo en todos os casos as dez de últimas.
Como é un final de xogo, non importa que os contrarios sumen máis tantos nese tramo. Como xa explicamos, o que hai que facer é conseguir os máximos que se poidan para a teórica parella da que forma parte o solucionista. Cómpre non esquecer que o resto de xogadores teñen que realizar sempre as mellores xogadas dispoñibles.

Como mostra do que poden chegar a divertir este tipo de problemas, propóñovos que tentedes resolver este, que é o primeiro da ampla colección que se recolle en "O TUTE. DIVERSIÓN ARREDOR DUN TAPETE".

PROBLEMA Nº 1
[Henrique Guerra]

SAE SUR. TRUNFA ESPADAS

Cal é o máximo de tantos que poden anotarse a parella Norte-Sur neste último tramo do xogo?

sábado, 27 de febrero de 2010

DAMAS. "Tiro ao branco"

NEGRAS XOGAN E GAÑAN
No 43º Cto. dos Estados Unidos disputado no ano 2002 alcanzouse esta posición nun xogo do enfrontamento entre Ed. King e John Walcott. As brancas acaban de adiantar o seu peón do rincón do río á segunda fila, un erro que aproveitou inmediatamente o seu contrincante. Cómo rematou o xogador de Barbados?

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Para coñecer a numeración do taboleiro e aprender o sistema de reprodución das xogadas pódese consultar o blog: TRES E DAMA.

SOLUCIÓN DO PROBLEMA ANTERIOR: "Luneta sen fío"

1.15-11, 24x06; [obigado pola lei da cantidade] 2.22x02, [G.B.]

viernes, 26 de febrero de 2010

XADREZ. "Da chistera saíu un cabalo"

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

Este final, que presenciei en vivo, xurdiu no "VII Torneo Aberto Xadrez Albariño" (Cambados 1991). As brancas eran conducidas por Viktor Moskalenko, naquel tempo un prometedor M.I. soviético, e as negras polo veterano e máis famoso Boris Ivkov.

O forte xogador galego, Roberto Patiño, e máis eu mirabamos de pé detrás do veterano mestre iugoslavo. Eu empezaba a analizar que pasaba despois de protexer o peón coa torre en "g1"; Roberto, coa súa típica pose de brazos en cruz, non sei que pensaba. De repente Moskalenko cambia torres e avanza o peón a "a5", Roberto mira para min e os dous poñemos cara de asombro. Namentres, Ivkov toma o peón e, instantaneamente o cabalo do ucraíno salta a "b5". Roberto e máis eu outra vez cruzamos a mirada e sorrimos de admiración; agora, sen calcular nada, entendemos todo. O cabalo non se podía tomar pois as brancas levan un peón a dama de forma imparable. Ivkov, por inercia, aínda seguiu con Rg6 e despois de Cd6, Rg5 e Cb7 abandonou.

A partida completa transcorreu así:

V. Moskalenko vs. B. Ivkov
Open de Cambados, 1991

1.d4, Cf6; 2.c4, c5; 3.d5, e5; 4.Cc3, d6; 5.e4, Cbd7; 6.Bd3, Be7; 7.Cge2, O-O; 8.Cg3, Ce8; 9.Cf5, Ag5; 10.Bg5, Dg5; 11.h4, Dd8; 12.g4, Rh8; 13.g5, g6; 14.Ch6, Cg7; 15,Be2, f5; 16.Dd2, f4; 17.Bf3, Cb6; 18.b3, Bd7; 19.h5, gh5; 20.Bh5, Ch5; 21.Th5, Be8; 22.Th2, Bg6; 23.f3, Cc8; 24.O-O-O, a6; 25.Tdh1, b6; 26.Dg2, Ta7; 27.Cf5, Tg8; 28.Th6, Tf7; 29.Ch4, Ce7; 30.Dh3, Tgg7; 31.De6, Rg8; 32.a4, Rf8; 33.Rb2, Cg8; 34.Cg6, Tg6; 35.Tg6, hg6; 36.Dg6, Tg7; 37.Df5, Tf7; 38.Dg4, Tg7; 39.Th5, Dd7; 40.Df5, Tf7; 41.Dd7, Td7; 42. Rc2, Rg7; 43.Rd3, Rg6; 44.Th1, Th7; 45.a5, ba5; 46.a5, ba5; 47.Cb5, Rg6; 48.Cd6, Rg5; 49.Cb7, [1:0]

domingo, 21 de febrero de 2010

TUTE. "Xogar polo libro"

O sábado, 26 de agosto do 2006, a Voz de Galicia no seu apartado "Culturas" publica a recensión que segue:
"O tute"
Henrique Guerra. Toxosoutos.
176 páxinas.
Este libro de Henrique Guerra é unha achega singular no panorama editorial galego. Non é frecuente atoparse cunha obra que aborde un xogo coma o tute, o cal pode resultar un paradoxo debido á popularidade da que goza en Galicia. Subtitulado Diversión arredor dun tapete, este volume abrangue e explica numerosos aspectos relacionados coas cartas: dende como se prepara a mesa e se procede ao sorteo previo á partida, ata estratexias, aperturas, golpes e técnicas. Visto así, este libro é un manual útil para calquera afeccionado, non digamos unha moi valiosa introdución para un profano no xogo. O autor non esquece que o tute é máis que a sorte que ao xogador lle vén coas cartas, senón que é imprescindible a habilidade e mesmo a comunicación. Destes aspectos ocúpanse apartados como os dedicados á memorización ou á compenetración co compañeiro (o libro está dedicado á modalidade por parellas).
Con estes contidos esta obra xa resultaría de sumo interese, pero non se detén só no xogo e propón unha achega ao feito cultural que rodea ás partidas. Inclúense historias que dalgún ou doutro xeito teñen que ver co tute, ademais de chistes, bromas e anécdotas.
E o volume contén un verdadeiro tesouro nas súas páxinas finais: unha recompilación de ditos e frases do tute, ademais dun glosario, achegas das que deben tomar boa nota os profesionais da fraseoloxía e os responsables dos dicionarios.
X. F.