domingo, 28 de febrero de 2010

TUTE. "Problemas para sabidos"

Os problemas a cartas vistas son finais de xogo nos que os naipes dos catro participantes aparecen expostos. Os grandes xogadores, despois de procesar os datos pertinentes, teñen na súa mente a imaxe das cartas finais de todos.
Para representar a situación simbolicamente asígnase ao posto que ocupa cada xogador o nome dun punto cardinal. Así a parella situada en Norte e Sur ten por rivais á que ocupa os postos Leste e Oeste. En todos os casos se indica o trunfo e o xogador que ten a saída, aínda que por convención e para evitar posibles confusións, nos problemas sempre sae o xogador situado en Sur.
O solucionista debe pensar que ocupa o seu lugar e ten que conseguir facer para o bando propio a maior cantidade posible de tantos, contando só os que quedan en xogo e incluíndo en todos os casos as dez de últimas.
Como é un final de xogo, non importa que os contrarios sumen máis tantos nese tramo. Como xa explicamos, o que hai que facer é conseguir os máximos que se poidan para a teórica parella da que forma parte o solucionista. Cómpre non esquecer que o resto de xogadores teñen que realizar sempre as mellores xogadas dispoñibles.

Como mostra do que poden chegar a divertir este tipo de problemas, propóñovos que tentedes resolver este, que é o primeiro da ampla colección que se recolle en "O TUTE. DIVERSIÓN ARREDOR DUN TAPETE".

PROBLEMA Nº 1
[Henrique Guerra]

SAE SUR. TRUNFA ESPADAS

Cal é o máximo de tantos que poden anotarse a parella Norte-Sur neste último tramo do xogo?

sábado, 27 de febrero de 2010

DAMAS. "Tiro ao branco"

NEGRAS XOGAN E GAÑAN
No 43º Cto. dos Estados Unidos disputado no ano 2002 alcanzouse esta posición nun xogo do enfrontamento entre Ed. King e John Walcott. As brancas acaban de adiantar o seu peón do rincón do río á segunda fila, un erro que aproveitou inmediatamente o seu contrincante. Cómo rematou o xogador de Barbados?

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Para coñecer a numeración do taboleiro e aprender o sistema de reprodución das xogadas pódese consultar o blog: TRES E DAMA.

SOLUCIÓN DO PROBLEMA ANTERIOR: "Luneta sen fío"

1.15-11, 24x06; [obigado pola lei da cantidade] 2.22x02, [G.B.]

viernes, 26 de febrero de 2010

XADREZ. "Da chistera saíu un cabalo"

XOGAN BRANCAS E GAÑAN

Este final, que presenciei en vivo, xurdiu no "VII Torneo Aberto Xadrez Albariño" (Cambados 1991). As brancas eran conducidas por Viktor Moskalenko, naquel tempo un prometedor M.I. soviético, e as negras polo veterano e máis famoso Boris Ivkov.

O forte xogador galego, Roberto Patiño, e máis eu mirabamos de pé detrás do veterano mestre iugoslavo. Eu empezaba a analizar que pasaba despois de protexer o peón coa torre en "g1"; Roberto, coa súa típica pose de brazos en cruz, non sei que pensaba. De repente Moskalenko cambia torres e avanza o peón a "a5", Roberto mira para min e os dous poñemos cara de asombro. Namentres, Ivkov toma o peón e, instantaneamente o cabalo do ucraíno salta a "b5". Roberto e máis eu outra vez cruzamos a mirada e sorrimos de admiración; agora, sen calcular nada, entendemos todo. O cabalo non se podía tomar pois as brancas levan un peón a dama de forma imparable. Ivkov, por inercia, aínda seguiu con Rg6 e despois de Cd6, Rg5 e Cb7 abandonou.

A partida completa transcorreu así:

V. Moskalenko vs. B. Ivkov
Open de Cambados, 1991

1.d4, Cf6; 2.c4, c5; 3.d5, e5; 4.Cc3, d6; 5.e4, Cbd7; 6.Bd3, Be7; 7.Cge2, O-O; 8.Cg3, Ce8; 9.Cf5, Ag5; 10.Bg5, Dg5; 11.h4, Dd8; 12.g4, Rh8; 13.g5, g6; 14.Ch6, Cg7; 15,Be2, f5; 16.Dd2, f4; 17.Bf3, Cb6; 18.b3, Bd7; 19.h5, gh5; 20.Bh5, Ch5; 21.Th5, Be8; 22.Th2, Bg6; 23.f3, Cc8; 24.O-O-O, a6; 25.Tdh1, b6; 26.Dg2, Ta7; 27.Cf5, Tg8; 28.Th6, Tf7; 29.Ch4, Ce7; 30.Dh3, Tgg7; 31.De6, Rg8; 32.a4, Rf8; 33.Rb2, Cg8; 34.Cg6, Tg6; 35.Tg6, hg6; 36.Dg6, Tg7; 37.Df5, Tf7; 38.Dg4, Tg7; 39.Th5, Dd7; 40.Df5, Tf7; 41.Dd7, Td7; 42. Rc2, Rg7; 43.Rd3, Rg6; 44.Th1, Th7; 45.a5, ba5; 46.a5, ba5; 47.Cb5, Rg6; 48.Cd6, Rg5; 49.Cb7, [1:0]

domingo, 21 de febrero de 2010

TUTE. "Xogar polo libro"

O sábado, 26 de agosto do 2006, a Voz de Galicia no seu apartado "Culturas" publica a recensión que segue:
"O tute"
Henrique Guerra. Toxosoutos.
176 páxinas.
Este libro de Henrique Guerra é unha achega singular no panorama editorial galego. Non é frecuente atoparse cunha obra que aborde un xogo coma o tute, o cal pode resultar un paradoxo debido á popularidade da que goza en Galicia. Subtitulado Diversión arredor dun tapete, este volume abrangue e explica numerosos aspectos relacionados coas cartas: dende como se prepara a mesa e se procede ao sorteo previo á partida, ata estratexias, aperturas, golpes e técnicas. Visto así, este libro é un manual útil para calquera afeccionado, non digamos unha moi valiosa introdución para un profano no xogo. O autor non esquece que o tute é máis que a sorte que ao xogador lle vén coas cartas, senón que é imprescindible a habilidade e mesmo a comunicación. Destes aspectos ocúpanse apartados como os dedicados á memorización ou á compenetración co compañeiro (o libro está dedicado á modalidade por parellas).
Con estes contidos esta obra xa resultaría de sumo interese, pero non se detén só no xogo e propón unha achega ao feito cultural que rodea ás partidas. Inclúense historias que dalgún ou doutro xeito teñen que ver co tute, ademais de chistes, bromas e anécdotas.
E o volume contén un verdadeiro tesouro nas súas páxinas finais: unha recompilación de ditos e frases do tute, ademais dun glosario, achegas das que deben tomar boa nota os profesionais da fraseoloxía e os responsables dos dicionarios.
X. F.

sábado, 20 de febrero de 2010

DAMAS. "Luneta sen fío"

Mirón (1635)

XOGAN BRANCAS E GAÑAN
Esta posición extraída do libro de Timoneda pertence a unha das "trechas" de Antonio Mirón y del Castillo que se inclúen ao final.
As negras acaban de interpoñer unha dama no medio de dúas pezas inimigas con obxecto de comer unha delas. Esta manobra na terminoloxía damista coñécese polo nome de luneta en clara alusión a ferramenta de corte circular que empregaban os curtidores para igualar os coiros.
Nesta ocasión as negras estaban perdidas e nin esta operación vale para salvar o xogo. Ve o amigo lector como poden facer as brancas para conseguir a vitoria?

viernes, 19 de febrero de 2010

XADREZ. "E o impensable aconteceu"

Ultimamente estoulle dedicando a maior parte do meu tempo libre ao xogo de damas, pero a miña principal afección e a actividade que máis horas de gozo e satisfacción me proporcionou sempre foi o xadrez. Debido a que vivo apartado dos centros xadrecistas a miña participación en torneos é practicamente escasa, con todo, cando teño ocasión procuro asistir a todo tipo de actividades que teñan relación con este deporte. Lembro como algo moi especial unha conferencia que en abril do ano 1988 deu o gran xogador catalán Miguel Illescas no Campus da Universidade de Compostela. A sesión de partidas simultáneas contra 10 taboleiros que ofreceu o último día dificilmente se pode borrar da miña memoria.
Exhibición de partidas simultáneas con reloxo Santiago, 10/4/1988.
Miguel Illescas vs. Henrique Guerra
1.e4, e6; 2.d4, d5; 3.Cd2, Cf6; 4.e5, Cd7; 5.c3, c5; 6.f4, cd4; 7.cd4, Cf6; 8.Cdf3, Bb4; 9.Bd2, Da5; 10.Bd3, f6; 11.Ce2, Bd2; 12.Dd2, Dd2; 13.Rd2, Cb6; 14.b3, Bd7; 15.Tac1, Tc8; 16.Cc3, a6; 17.Re3, O-O; 18.Bb1, Be8; 19.g4, fe5; 20.Ce5, Ce5; 21.fe5 ...


[DIAGRAMA] 21. ... Tc7!; 22.Ce2, Tcf7; 23.Bd3, Cd7; 24.Cg1, Cb8; 25.Be2, Cc6; 26.Cf3, Tf4; 27.h3, Te4; 28.Rd2, Cd4; 29.Cd4, Td4; 30.Rc3, Te4; 31.Bd3, d4; 32.Rb4, Te5; 33.The1, Te1; 34.Te1, Bf7; 35.Rc5, Td8; 36.Rb6, Td7; 37.Be4, d3; 38.Bb7, d2; 39.Td1, Bg6; 40.Bd3, Bd2; 41.Tg1, e5; 42,Ra6, e4; 43.Be2, Bd3 [0:1]
Este foi o único "accidente" do campión español que ao remate da sesión ofreceu unha nova exhibición de partidas rápidas de un minuto contra cinco. Na miña vida vin xogar tan rápido e ben!