sábado, 17 de septiembre de 2011

TUTE. Sorprendente aposta

Dispón o tute dunha temática suficientemente ampla e variada para poder provocar o asombro e espertar a curiosidade dos afeccionados. No meu libro "O tute. Diversión arredor dun tapete" pódense ver infinidade destas situacións. Vexamos unha mostra incluída dentro do capítulo titulado "Historias para cavilar". 

En certa ocasión un descoñecido representante de comercio entrou nun bar no que eu casualmente me atopaba presenciando unha entretida partida. Situouse alí, ao meu lado, mirando tamén. Sen coñecer a ninguén, de cando en vez marabillábase das xogadas e felicitaba aos que as facían. Penso que era para coller confianza, e a verdade foi que a estratexia funcionoulle ás mil marabillas.

Cando a partida terminou, non sei como, pero el conseguiu atraer a unha chea de xente que entusiasmada trataba de resolver o problema que expoñemos a continuación.


É só para dous xogadores. Os naipes poden estar á vista ou non. Dá o mesmo.

Hai que escoller as cartas que se queiran, as dez de arriba ou as dez de abaixo. O que poxe máis alto ten dereito á saída. Naturalmente, segundo as cartas que se elixan cada un selecciona o trunfo que lle conveña.

Os presentes estúdano e axiña se aperciben que dá o mesmo escoller unhas cartas que outras. Calculan e adoitan poxar 160. Probablemente aclararán que se poden facer 164 tantos, pero xa que no tute subhastado é costume poxar de 5 en 5, parece non haber mellor opción que ir polos 160 xa mencionados.

Como era de esperar, aquel día todos defenderon sen vacilación este razoamento e así opinaron. Foi nese momento cando o viaxante exclamou con aire de superioridade:

—160 son poucos. Eu podo facer máis!

Ao escoitar tal cousa, algúns empezaron a desconfiar, pero a maioría non quixeron dar o brazo a torcer e, por riba, aínda testanearon. Pronto se pediron novas consumicións e cruzáronse apostas.

Que pensa o lector? Por exemplo coas cartas de abaixo. Sería trunfo “ouros”. O xogo cos dous cantes vai a 190 e perderíanse o cabalo e a sota de espadas que hai que entregar nas bazas do ás e do tres do mesmo pau. Total 26 tantos (11+10+3+2). Dando como resultado que 190 – 26 = 164. Semella imposible facer máis, con todo o viaxante demostrou ter a razón.

Sería vostede capaz de descubrir o enxeñoso truco que permite gañar a aposta?

***********************************************************************************

Solución: Para gañar a aposta hai que poxar 165. O truco está en non escoller trunfo no pau longo, hai que facelo no que levamos rei, cabalo e sota. Deste xeito só se perden as dúas sotas. Se eliximos as cartas de abaixo. O trunfo sería espadas. Xogamos o ás e o tres de bastos para poder cantar, seguidamente facemos fallar ao contrario saíndo coa sota de ouros. Finalmente entregamos a sota de trunfo e gañamos as bazas restantes sumando os 165 tantos. Enxeñoso, non si?

No hay comentarios: