miércoles, 22 de diciembre de 2010

TUTE. Golpe de Viena

SAE SUR. TRUNFA EN COPAS.

A parella formada por Norte e Sur sabe que os contrarios levan contabilizados 55 tantos (non houbo cantes).

O desenvolvemento do xogo previo foi o seguinte: Oeste gaña a primeira baza co ás de espadas. Volve de sete. Sur sobe co cabalo. Leste mete o tres e Norte ten que entregar o rei, polo que todos intúen que non leva máis.
Na terceira baza, Leste sae arrastrando co ás e vese obrigado a continuar con outro arrastre, esta vez de tres. O seu compañeiro xa non ten máis trunfos e carga o rei de ouros co que indica que non leva nin cabalo nin tres. Sur asiste de sota.
Como segue sen saír parte das corenta, Leste arrastra co único trunfo que lle queda e Norte gaña de rei. Oeste e Sur descartan cadanseu ouro pequeno.
A sexta baza permite a Sur dar unha importante información. O seu compañeiro inicia a volta co cabalo de bastos e Sur entra de tres sinalizando que leva o ás. Así chegamos á posición que amosa o diagrama.

Como deben xogar Norte e Sur para gañar o xogo?

A solución pasa por aplicar o que se coñece como "Golpe de Viena": Sur bota o ás de ouros e Norte conserva o cabalo para ameazar o tres que pensa pode estar en Leste. Con esta idea comeza a execución deste célebre golpe, afirmando unha carta nun contrario pero ameazada por outra no noso poder.
Polos datos que manexa, o xogador que ten a man sabe que xogando espadas vai fallar o seu compañeiro e moi probablemente aperte a Leste.
Efectivamente, así o fai. A saída de espadas compromete a Leste. Se bota un basto deixa firmes os dous de Sur, e se descarta o tres de ouros afirma o cabalo de Norte.
A parella Norte-Sur gaña tamén estas dúas bazas finais e con elas o xogo. Todo grazas a que Norte conservou o cabalo de ouros sen arriscar nada, xa que se os contrarios gañaban unha baza tamén gañaban o xogo sen que influíran eses tres tantos para nada.

[Este exemplo foi extraído do meu libro "O Tute. Diversión arredor dun tapete"].

No hay comentarios: