domingo, 14 de marzo de 2010

TUTE. Cuestión de memoria.

Durante boa parte do século XIX e a primeira metade do seguinte estiveron moi de moda certos espectáculos nos que os mellores acróbatas mentais do momento exhibían as súas portentosas habilidades. Artistas que semellaban ser verdadeiras calculadoras humanas, asombraron en cafeterías e teatros grazas a velocidade coa que realizaban todo tipo de operacións matemáticas. Un dos máis coñecidos foi Leonhard Euler que facía algunhas nas que tiña que memorizar ata medio centenar de cifras. Pero sen dúbida algunha os fitos máis curiosos e célebres foron os que protagonizaba o excelso xadrecista americano Harry Pillsbury (1872-1906) que coa axuda da súa prodixiosa memoria conseguía xogar vinte partidas simultáneas de xadrez e damas á cega. Exhibicións que duraban moitas horas, polo que adoitaba facer pequenos descansos nos que disputaba partidas de whist ao mesmo tempo que memorizaba longas listas de palabras que deseguido recitaba de cabo a rabo.
Igual que neste tipo de demostracións, nos xogos chamados de salón, a memoria constitúe un arma moi poderosa, tendo moita máis importancia se estes xogos son de cartas. Dicía o escritor Edgard A. Poe nun dos seus famosos relatos, “Os crimes da rúa Morgue”, que o posuír unha boa memoria e xogar de acordo co “libro” son, polo común, puntos considerados como a suma total do xogar excelentemente.
Se facemos unha enquisa entre os afeccionados para preguntar pola calidade máis importante que debe acompañar a un bo xogador de tute, sen dúbida algunha, penso que a gran maioría estarían de acordo co escritor americano. O levar o control de todas as cartas parece ser fundamental para poder trazar unha estratexia adecuada.
En efecto, se poñemos unha atención continuada e dispoñemos dunha boa memoria podemos almacenar unha serie de datos relevantes. Se os conseguimos recordar, coa información que nos proporcionan, cando cheguemos ás últimas bazas poderemos rematar o xogo da mellor forma posible porque coñeceremos a distribución das cartas que cada xogador sostén na súa man.
Non todas as mans son iguais, e así algunhas veces o traballo é máis doado, porque necesitamos recoller menos información. Os esforzos inútiles cansan as neuronas, polo que é importante saber que datos debemos observar en cada man.
Se a vostede lle falla a memoria non se preocupe. Iso pásalle a todo o mundo. Ata Euler e Pillsbury, seguro que nalgunha ocasión, esqueceron as chaves da casa. A memoria sempre traballa mellor no campo no que está máis adestrada. Todos os mentalistas dispoñen dalgúns trucos para se axudar.
Se quitamos unha carta da baralla. Dando soamente dúas pasadas rápidas, sería capaz de averiguar que carta falta?
Calquera pode facelo, é moi fácil. Na primeira pasada vaia sumando todos os espazos en branco que teñen as orlas identificativas do lado curto (recorde que os ouros non teñen ningún, as copas teñen un, os bastos dous e as espadas tres). Como en total suman sesenta, a diferenza indicaralle o pau da carta. Na segunda pasada déalle ás cartas do pau escollido o valor que teñen no xogo da escoba, como en total suman cincuenta e cinco, novamente a diferenza descubriralle cal é a carta que falta.
Para o que lle guste o tema, podemos indicar que no libro "O Tute. Diversión arredor dun tapete" pode atopar bastantes trucos deste estilo aplicados á memorización de cartas nas partidas.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Solución do problema Nº1 [28/02/2010].

"O desenlace definitivo"

Ao ter que cartear de xeito inusual, o problema chama poderosamente a atención. A clave está en saír arrastrando co tres, pero Norte ten que asistir co rei.
Despois desta sorprendente manobra, Sur pode aforrar trunfo e cobra a última baza, sumando así 25 tantos.

Sorprendente, non si?


No hay comentarios: