domingo, 21 de febrero de 2010

TUTE. "Xogar polo libro"

O sábado, 26 de agosto do 2006, a Voz de Galicia no seu apartado "Culturas" publica a recensión que segue:
"O tute"
Henrique Guerra. Toxosoutos.
176 páxinas.
Este libro de Henrique Guerra é unha achega singular no panorama editorial galego. Non é frecuente atoparse cunha obra que aborde un xogo coma o tute, o cal pode resultar un paradoxo debido á popularidade da que goza en Galicia. Subtitulado Diversión arredor dun tapete, este volume abrangue e explica numerosos aspectos relacionados coas cartas: dende como se prepara a mesa e se procede ao sorteo previo á partida, ata estratexias, aperturas, golpes e técnicas. Visto así, este libro é un manual útil para calquera afeccionado, non digamos unha moi valiosa introdución para un profano no xogo. O autor non esquece que o tute é máis que a sorte que ao xogador lle vén coas cartas, senón que é imprescindible a habilidade e mesmo a comunicación. Destes aspectos ocúpanse apartados como os dedicados á memorización ou á compenetración co compañeiro (o libro está dedicado á modalidade por parellas).
Con estes contidos esta obra xa resultaría de sumo interese, pero non se detén só no xogo e propón unha achega ao feito cultural que rodea ás partidas. Inclúense historias que dalgún ou doutro xeito teñen que ver co tute, ademais de chistes, bromas e anécdotas.
E o volume contén un verdadeiro tesouro nas súas páxinas finais: unha recompilación de ditos e frases do tute, ademais dun glosario, achegas das que deben tomar boa nota os profesionais da fraseoloxía e os responsables dos dicionarios.
X. F.

No hay comentarios: